"SCÈNES MÉTÉOROLOGIQUES: LA MÉTÉO"
Neste último trimestre do 2º curso da ESO introducimos o vocabulario da meteoroloxía en francés, así como as expresións máis empregadas co tempo atmosférico e os verbos máis comúns.
Para realizar esta primeira actividade contamos de forma voluntaria cos alumnos de 2ºESO A e B, que se mostraron moi receptivos e ilusionados á hora de poder empregar de forma práctica os coñecementos adquiridos sobre a Météo nos que traballamos nas sesións previas á tarefa.
Antes de comezar explicamos detidamente en que consiste a actividade e distribuímos as quendas de intervención de cada un dos alumnos e alumnas.
Por unha banda, tiñamos diferentes tarxetas co nome das principais cidades de Francia e, por outra, multitude de tarxetas cos diferentes símbolos atmosféricos incluídos varios de temperatura. Adxuntamos foto das mesmas:
Dispoñemos así mesmo dun mapa de Francia que proxectamos na pantalla táctil da aula para traballar sobre ela. A continuación, cada un dos alumnos (segundo a quenda acordada con anterioridade) comezou a súa intervención collendo ao azar cada unha das tarxetas correspondentes, que estaban colocadas cara abaixo segundo se indica:
Primeiro colleron unha das tarxetas co nome dunha cidade de Francia.
A continuación, unha das tarxetas dos símbolos atmosféricos.
Finalmente, colleron unha das tarxetas relativas á temperatura.
Coas tres tarxetas na man tiveron que situar no mapa a cidade correspondente e construír frases cos contidos adquiridos. Exemplo:
Aujourd’hui à Lille, au nord de la France, c’est nuageux et il pleut.
Il fait froid. Il fait 10 degrés.
Así, to o alumnado participou na actividade, xa que fomos cambiando as tarxetas para que todos e todas puidesen participar. Foi unha actividade moi divertida e amena coa que o alumnado se sentiu familiarizado coa materia e que lle axudou a asentar ben os contidos traballados nesa unidade.
Adxunto fotos dalgúns dos alumnos realizando a actividade e sinalando, cada un deles, a cidade que lles tocou. Esta actividade foi moi enriquecedora xa que tamén lles serviu para aprender un pouco da xeografía francesa. Podo afirmar que moitos dos alumnos descubriron cidades de Francia que antes non sabían nin situar.

Comentarios
Publicar un comentario